Arredor de 30 profesionais participaron na xornada de Ineo sobre innovación para os portos

xoves, 13 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A sede en Vigo da Confederación de Empresarios de Pontevedra acolleu esta semana un encontro profesional para atopar, en traballo en mancomún, solucións para os problemas de xestión e control dos portos a través da aplicación de servizos TIC. A xornada veu da man de Ineo e nel participaron investigadores, empresas do sector das novas tecnoloxías a administración directamente implicadas. O evento tivo o seu xermolo nunha primeira toma de contacto celebrada en primavera na que se afondou na necesidade de buscar, dende a nosa terra e facendo gala dunha innovación de primeira liña (como de feito é), respostas para as demandas das entidades portuarias da índole que sexan.
A xornada contou ca presenza de máis de trinta representantes dos diferentes sectores aos que lles toca de preto a dita cuestión da modernización da xestión dos eidos urbanos ligados ao tráfico marítimo, amais de contarse coa participación do vicerreitor de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo, José Antonio Vilán, “quen animou á realización de máis xuntanzas destas características que son moi positivas para os diferentes sectores, así como para achegar aos investigadores, como os de AtlantTIC, integrados neste sector a través de Campus do Mar, ás diferentes empresas”.
As xornadas Ineo Market organízanse cada pouco e ao seu abeiro impúlsase o achegamento entre sectores a través da realización de mesas redondas e networking.

PUBLICIDADE