Arredor de 3.000 emprendedores e expertos en innovación participan estes días en Spin 2016

venres, 30 de setembro do 2016 Redacción

Spin 2016, o evento que converte estes días Santiago na capital do emprendemento innovador e universitario, chega hoxe ao seu “ecuador” de actividades, con obradoiros e conferencias nos que participan máis de 3.000 persoas (estudantes, emprendedores, inversores, académicos e representantes de universidades de toda América Latina, España e Portugal), 70 relatores e un centenar de proxectos emprendedores, que se darán cita en Compostela até este sábado. O evento inaugurouse onte ao mediodía logo dunha clase maxistral coo músico arxentino Gustavo Santaolalla (gañador de dous Premios Oscar á Mellor Banda Sonora por Babel e BrokeBack Mountain) e prosegue hoxe e mañá coa presentación dos 15 proxectos seleccionados para o foro de investimento internacional SmartMoney4Stars e dos 30 finalistas do programa Model2Market (estes últimos competirán o sábado polos 100.000 euros en premios na Pitch Competition de Spin 2016).
Segundo informou a organización (RedEmprendia) na cerimonia de apertura, a listaxe de actividades a desenvolver estes días non deixa oco sen cubrir no que se refire a recursos para favorecer o emprendemento entre a mocidade universitaria. O obxectivo, sinalou, é “darlles apoio para facer realidade os seus proxectos e facilitar o acceso a financiamento para aquelas startups nadas do talento e a investigación das universidades iberoamericanas”.
Na cita, como dixemos, están a participar un centenar de iniciativas emprendedoras (seleccionadas entre máis medio milleiro de propostas de 18 países) dándose a coñecer na Cidade da Cultura de Santiago (sede de Spin 2016) durante a celebración da xuntanza, tras recibir o apoio de RedEmprendia a través dos programas Model2Market e SmartMoney4Stars.
Os asistentes tamén teñen a oportunidade de aprender de expertos e mentores que lles achegarán novos coñecementos en áreas lave para desenvolver os seus negocios, como a propiedade intelectual e industrial, o acceso a novas fontes de financiamento, a aplicación do design thinking para solucionar problemas ou crear novos produtos, ou como prepararse para conquistar a potenciais investidores e socios.
Sobre Spin2016
Spin2016 é unha iniciativa de RedEmprendia, co organizada con Banco Santander, a través de Santander Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia. Conta ademais co apoio da Deputación de A Coruña, Estrella Galicia, Fundación EY, Indra, Gas Natural Fenosa, Google, Paypal, Tecnocom, a Fundación Paideia e a Cátedra UPM-Clarke, Modet & Cº España, e a colaboración de máis de medio centenar de organizacións públicas e privadas e universidades.
Model2Market
Model2Market, programa deseñado ao abeiro de Spin2016, diríxese a axudar a quen está a piques de crear unha empresa. Entre os 100 semifinalistas presentados este verán figuraban sete proxectos emprendedores saídos das universidades galegas (cinco da USC e os outros dous da UDC e UVigo). Figuraban neste top 100 interesantes e destacadas propostas tecnolóxico-dixitais da nosa terra, como por exemplo CloudDADIS ou Cogomelo Games. Os semifinalistas recibiron asesoramento do IC 2 Institute da Universidade de Texas para perfeccionar os seus proxectos de cara á selección final.

PUBLICIDADE