Arredor de 1.100 estudantes participan xa no certame galego de modelado en 3D co teléfono móbil

mércores, 20 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

A competición de alcance estatal D3Mobile Metrology League, posta en marcha dende a nosa terra para impulsar o coñecemento e as habilidades en modelado 3D de precisión a través do teléfono móbil, foi quen de acubillar a máis de 1.100 escolares de 120 centros de toda a xeografía española. Como lembraremos, o concurso foi promovido e organizado polo grupo de investigación USCAN3D, da Universidade de Santiago (Escola Politécnica Superior de Lugo), e marcou un antes e un despois na explotación das posibilidades do móbil entre a mocidade, por ser o primeiro destas características, case con toda probabilidade, que se puxo en marcha a nivel mundial.
Os datos achegados polos organizadores do campionato nacional constatan a inscrición dun total de 350 equipos pertencentes a 120 centros escolares de practicamente todas as comunidades autónomas do Estado: Andalucía (45 equipos), Aragón (17), Illes Balears (4), Canarias (24), Cantabria (17), Castilla y León (43), Castilla La Mancha (2), Catalunya (5), Comunitat Valenciana (26), Estremadura (3), Galicia (83), Madrid (31), Murcia (22), Nafarroa (22) e Euskadi (4). Todo isto significa, entre outras cousas, que os alumnos participantes xa están dando os seus primeiros pasos en modelado en 3D de precisión, empregando cadanseu aparello e co apoio do material didáctico, o software e os protocolos de investigación que lles forneceu o devandito grupo do Campus de Lugo.
A idea, amais de convidalos a usar os seus móbiles para algo que ben lles pode valer para as súas vindeiras carreiras profesionais, é facer o posíbel por espertar e impulsar as vocacións científicas e investigadoras dos rapaces. Segundo conta Juan Ortiz, director do proxecto, “o concurso pretende fomentar o interese por esta profesión entre o alumnado de 4º da ESO e de Bacharelato, xa que moitos deles serán os responsables de que a investigación acade a relevancia que merece na sociedade do futuro”.
Os equipos que fagan mellor as súas respectivas medicións, os que reciban máis votos do público e incluso algúns dos votantes dos modelados 3D poderán gañar algunha das tablets establecidas como premios neste campionato. A competición D3Mobile Metrology League pódese seguir a través da web www.d3mobile.es, así como en Facebook, Twitter ou na canle YouTube. Juan Ortiz, en calidade de voceiro dos organizadores do proxecto, agradeceu publicamente o apoio recibido de todos os centros de ensino, profesores e dos estudantes inscritos no torneo, xa que “sen o seu esforzo e entusiasmo non tería sido posible acadar este elevado nivel de aceptación”.

PUBLICIDADE