Arranca o programa da Deputación de Lugo para favorecer o envellecemento activo a través das TIC

mércores, 14 de xaneiro do 2015 Redacción

Este martes comezou oficialmente o programa Sempre en Activo,iniciativa da Deputación de Lugo (Fundación TIC) para potenciar nos concellos da provincia o benestar social e o envellecemento activo. A posta en marcha do programa celebrouse en Láncara, nun acto de apertura e presentación no que participaron o presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao director de Fondos Europeos, Pablo Rivera. Como lembraremos, a través desta iniciativa, a institución ofrece a lucenses maiores de 55 anos formación de balde e nos seus propios fogares sobre novas tecnoloxías mediante un equipo de profesionais de case 80 dinamizadores, que distribuíu en todos os concellos lugueses agás o da capital, ao ter unha iniciativa semellante. Todos os interesados en participar, tanto de xeito individual como colectivo, poden inscribirse en 698-108-372 ou en sempreenactivo@fundaciontic.org.
Segundo informa a Deputación, Gómez Besteiro mantivo un encontro con preto dun cento de maiores da residencia A Veiga de Láncara, que estrearon este martes as actividades de Sempre en Activo, “dirixidas a aumentar a autonomía e as capacidades cognitivas e funcionais”. Entre estas actividades inclúense as seguintes: prácticas con programas informáticos, xogos virtuais ou videoconsolas para aumentar a memoria, a capacidade de atención ou as cualidades físicas e motrices (equilibrio, coordinación, velocidade de reacción, tonificación muscular, flexibilidade, resistencia cardiovascular, capacidade de aprendizaxe…); manexo de ordenadores, tabletas ou móbiles; consultas en Internet, redes sociais, conexións a través de Skype… Para levar a cabo estas accións, os dinamizadores do programa desprazaranse canda os usuarios e destinatarios mesmos (residencias, centros de día, centros socioculturais ou propios fogares) e achegando o material tecnolóxico necesario.
Sinalar tamén que a Deputación puxo en marcha o portal web sempreenactivo.fundaciontic.org e a APP para móbiles Sempre en activo, dende os que se poden realizar de balde exercicios de memoria, cálculo, lóxica, atención, entre outros. Sempre en Activo enmárcase no Innova-TE2, o programa tecnolóxico da Deputación, cofinanciado nun 80% por fondos da Unión Europea.

PUBLICIDADE