Arranca o curso en liña da Tecnópole para o novo empresariado galego

martes, 13 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Xa está en marcha na Tecnópole un curso encamiñado a sacar da mocidade galega (ou non tan mocidade) os emprendedores e emprendedoras que leva dentro. A actividade, que foi inaugurada este luns polo director xeral de I+D (Salustiano Mato), conta coa Escola de Negocios EOI en labores de achega de contidos e coa propia Tecnópole como promotora do evento. No curso están a participar 22 emprendedores procedentes de toda Galiza, algúns deles moi vinculados á Sociedade da Información, e todos por igual concorrendo no curso vía Internet co fin de recibir formación e asesoramento personalizado para facer o seu plan de negocio.
A iniciativa, que é de balde (está cofinanciada pola Unión Europea e máis polo Ministerio de Industria), estenderase no tempo ó longo de dezaoito semanas. O curso inclúe 280 horas lectivas en liña e outras 160 de titorías de tipo individual. Segundo indica a Tecnópole, a maior parte das ideas e proxectos achegados polos participantes están de xeito estreito relacionadas coa innovación, e máis concretamente coas novas tecnoloxías do coñecemento.
Os emprendedores que participarán no programa proceden sobre todo das provincias de Ourense (13) e da Coruña (8), aínda que tamén hai un proxecto orixinario de Vigo.

PUBLICIDADE