Arranca con éxito o proxecto multimedia de formación, Comunícate

mércores, 1 de xullo do 2009 Raquel Noya

O Centro Multimedia de Galicia de Santiago de Compostela foi o escenario escollido onte pola Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC) para desenvolver a primeira xornada da campaña Comunícate, consistente nunha serie de titoriais interactivos para facilitarlle aos usuarios e usuarias o uso e coñecemento das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación.
A xornada, tal e como anunciamos onte, deu comezo ás 17:00 horas, e contou coa participación do xornalista e blogueiro Nacho Mirás Fole e coa xefa do Servizo de Programación Multimedia da Secretaría Xeral de Medios, Felicitas Rodríguez.
No marco desta campaña, que a Secretaría Xeral de Medios desenvolve para poñer a cidadanía en contacto coas ferramentas virtuais de comunicación, a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC) vai presentar un total de doce titoriais interactivos, o primeiro dos cales se deu a coñecer onte con éxito.
Foi o xornalista e blogueiro galego Nacho Mirás o encargado de introducir e presentar este titorial desde o Centro Multimedia de Galicia, mostrándolles aos asistentes cómo se poden subir vídeos e imaxes á Rede de xeito doado, para poñelos a disposición de outros internautas. A xornada púidose seguir a través de videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de Oroso, Catoira, Abegondo, Lugo, Verín e O Barco de Valdeorras, onde os interesados poderán traballar co titorial, que queda así accesible, a partir de hoxe, nos distintos TC da Rede de Telecentros de Comunicación para o seu uso.
Na súa charla, Nacho Mirás realizou, asemade, un percorrido pola situación actual da blogosfera galega, desde a súa dobre vertente de xornalista e blogueiro. Mirás situou o ano 2005 como punto da verdadeira explosión da blogosfera galega, un ano no que “o que tiña sido un avance discreto racha completamente a súa tendencia e se estende ata o punto de poder analizarse coma un fenómeno de masas, cunha forte penetración”, apuntou.
Mirás analizou, entre outros aspectos, o paralelismo entre os medios de comunicación e os blogs ou bitácoras na Rede, facendo fincapé en que “os segundos non só suporán, como se cría nun principio, a desaparición dos primeiros, senón que ambos se poden complementar”.
No tocante á campaña desenvolvida pola RTC, segundo explicou a xefa de Servizo de Programación Multimedia da Secretaría Xeral de Medios, Felicitas Rodríguez, os titoriais, desenvolvidos en Flash, “están pensados para un público con escasos coñecementos informáticos e tratarán sobre distintos temas relacionados co mundo das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación e cos distintos servizos e oportunidades que a rede ofrece na actividade diaria da cidadanía: o acceso á banca electrónica, a administración electrónica, a formación on-line, as redes sociais…”

PUBLICIDADE