Arranca a edición 2012 de Xuventude Galicia Net

venres, 4 de maio do 2012 Redacción

Este venres pola mañá comeza a nova edición de Xuventude Galicia Net. De feito, mentres se escribía este texto, xa estaban a chegar coa mañanciña os primeiros participantes co obxectivo de confirmar na mesa de recepción a súa asistencia. Segundo fai saber a organización do evento, a Dirección Xeral de Xuventude, estamos ante unha convocatoria especialmente orientada ao eido laboral, á formación e á divulgación das canles e recursos que a mocidade ten ao seu alcance para afianzar contacto coas empresas. A party ficará coas portas abertas, dispoñíbel ao cen por cen esteamos inscritos oficialmente ou non, até o domingo na recta final do serán.
Esta edición, a décimo terceira, contará con persoas con grande experiencia no mundo empresarial como o profesor da IE Business School, Enrique Dans; o profesor Leopoldo Abadía; ou o social media Rubén Bastón. Para os pais e nais, informa a Dirección Xeral, “tamén están previstas actividades co obxectivo de facer accesibles certos contidos e tecnoloxías que, a primeira vista, so parecen influír aos máis mozos
Os exteriores do Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago e o hall de entrada acollerán as actividades da extranet, abertas a todos os públicos. Como dixemos, nesta convocatoria farase fincapé na formación, a creación de empresas, as oportunidades de traballo baseadas nas novas tecnoloxías e a procura activa de emprego para a xuventude que se dea cita no evento. Contarase para isto con persoas con grande experiencia no mundo empresarial: altos directivos e empresarios que poidan cubrir as necesidades que a xuventude galega demanda á hora de iniciar o emprendemento empresarial.
Para mellorar a formación e a preparación en materia de novas tecnoloxías, e totalmente de balde para quen se achegue, deseñouse unha grella de relatorios onde se contará con expertos reputados nas súas áreas como o profesor da IE Business School, Enrique Dans; o profesor Leopoldo Abadía; ou o social media Rubén Bastón.
A situación económica mundial faise presente nesta edición dun xeito innovador: prestando especial atención ao emprendedurismo como saída laboral; para iso, contarase con especialistas na materia como Javier Megías e directivos de empresas, así como se celebrarán obradoiros sobre as últimas novidades do sector como a reciclaxe de aparatos eléctricos ou neuromarketing”, engaden dende a Dirección Xeral de Xuventude.
Nesta edición de XGN estará presente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica cun stand e un relatorio no que varios relatores relacionados co software libre exporán as oportunidades laborais que hai detrás do mesmo, así como proxectos das súas empresas relacionados co software libre.
Para os máis habilidosos, tamén haberá actividades nesta XGN. Complementando a oferta formativa, a edición 2012 da XGN prevé multitude de actividades e obradoiros de carácter práctico.

PUBLICIDADE