Arranca Pont-Up Store 2017, a mostra pontevedresa do noso pulo innovador

venres, 22 de setembro do 2017 Redacción

O evento Pont-Up Store 2017, referente galego e estatal do emprendemento innovador deste mes de setembro, inaugúrase hoxe no espazo multiusos do recinto na praza de España de Pontevedra. O acto desenvolverase ante a presenza dos responsábeis de máis de 40 novas empresas, que estarán toda a xornada de hoxe amosando os seus produtos e servizos nos diferentes stands da carpa instalada na praza de España. Trala apertura, os representantes das entidades organizadoras e colaboradoras realizarán unha visita institucional ao recinto e ao Fab-Lab emprazado nas salas de exposicións da Facultade de Belas Artes e Escola Superior de Conservación e Restauración. O programa da Pont-Up Store 2017 inclúe máis de corenta actividades, entre obradoiros, seminarios, coloquios e encontros. Este programa desenvolverase nunha ducia de recantos da cidade. Por exemplo nas devanditas Facultade e Escola, onde se levan celebrando dende o día 19 obradoiros e coloquios sobre fabricación dixital e creatividade (ao abeiro do Fab-Lab).
Na inauguración participarán Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra; Dolores Gonzalez, vicerreitora de Estudantes; Guillermo Viña, xerente de Igape Nova; José Manuel Mourelo, xerente de RSC de Abanca; Alberto Costas, xerente de Alianzas Estratéxicas de R; Pablo Fernández, presidente de AJE Pontevedra; Carmen San Martín, director de Camp Tecnológico Galicia, e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store.
A cuarta edición da Pont-Up Store 2017 celébrase até o 23 de setembro e vén novamente da man do Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) no marco do proxecto e especialización CREA S2i. Amais, cóntase coa colaboración de tres ducias de empresas e institucións, co Concello como patrocinador principal e contando co apoio da Deputación.
O programa definitivo do evento foi presentado o pasado 7 de setembro polo seu director, Pedro Figueroa, quen salientou o poder de convocatoria da feira e o seu carácter multidisplinar, amais de “ter capacidade para xuntar empresas de múltiples sectores”, desde a moda, a alimentación ou ecoloxía, até o deseño gráfico, a educación e as novas tecnoloxías da información, outorgando ademais un “papel moi importante á economía social", como salientou o director dun evento que reúne a emprendedores de toda Galicia e no que “máis do 33% dos proxectos proceden das vilas e do rural”.
Como dixemos, Pont-Up Store terá como núcleo o recinto da praza de España no que, hoxe e mañá, 41 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria seleccionadas de entre máis de 120 candidaturas amosan á cidadanía os seus produtos e servizos. E fano nos 36 stands cos que conta este recinto e a través de diferentes actividades de dinamización, que abranguen propostas como a arte floral, o álbum ilustrado ou a cata de cervexas, así como no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores presentarán o seu proxecto empresarial a perante directivos de compañías galegas referenciais.
A carpa verase complementada, entre outras moitas cousas, cun recanto de foodtrucks, tanto de emprendedores seleccionados como da PonteVan, promovida por diferentes institutos da cidade, así como pola súa prolongación nas salas de exposicións do edificio que comparten Belas Artes e Restauración.

PUBLICIDADE