Arquivan a causa contra Naiadadonkey.com

venres, 4 de setembro do 2009 Marcus Fernández

En 2006 sorprendeunos o peche cautelar da páxina web Naiadadonkey.com, pois en casos semellantes as autoridades xudiciais foran máis prudentes, e pese a que aínda hoxe a web en cuestión aparece co texto «cerrado por causa judicial», a causa en cuestión vén de ser arquivada por non considerarse delito os feitos denunciando no seu día pola Asociación Española de Distribuidores e Editores de Software de Lecer (aDeSe).
En Naiadadonkey.com publicaban ligazóns a arquivos en redes P2P coma eMule e BitTorrent, o que coma en anteriores ocasións non foi considerado punible pola vía penal pese a que a web en cuestión inclúa publicidade, xa que estes ingresos económicos non estarían relacionados directamente coa descarga de contidos protexidos (e parece xustificado que servía para pagar os altos custos do aloxamento da web denunciada). Amais, as ligazóns a redes P2P non constitúen unha publicación de contidos en si mesma.
No auto recóllese a Circular da Fiscalía Xeral do Estado 1/2006 sobre os delitos contra a propiedade intelectual e industrial tras a reforma da lei orgánica 15/2003 na que sinalan que «o elemento subxectivo do ánimo de lucro esixido polo tipo penal non pode ter unha interpretación ampla ou extensiva, senón que debe ser interpretado no sentido estrito de lucro comercial» pois consideran diferente a propiedade intelectual do patrimonio.

PUBLICIDADE