Ariane Luis Nogueira, de O Irixo, gaña o concurso de postais de Nadal do CPEIG

martes, 15 de decembro do 2020 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou o noveno Concurso de Postais de Nadal 2020. O xurado do certame acordou, por unanimidade, elixir como postal oficial do CPEIG o debuxo de Ariane Luis Nogueira, que participou na categoría A dirixida a nenos en nenas de entre 3 e 12 anos.
A postal de Ariane, unha rapaza de 9 anos de O Irixo (Ourense), foi presentada polo seu pai, o colexiado Iván Luis Vázquez. O debuxo representa un ordenador portátil onde una nena mantén unha vídeo-conferencia con Papá Noel, representando a situación que se vive actualmente, marcada pola pandemia, e na que a tecnoloxía se converteu nunha ferramenta fundamental para a comunicación. De agasallo a rapaza recibirá unha tableta.
O traballo de Ariane será a postal oficial coa que o CPEIG felicitará as festas do Nadal este ano, acompañada da lenda: Recibe os nosos mellores desexos para este Nadal e o novo ano 2021 que comeza.
Xa como na pasada edición, o concurso consta de dúas modalidades de participación, a categoría A para nenos de 3 a 12 anos, e a categoría B para rapaces de 13 a 18 anos, que quedou deserta.

PUBLICIDADE