Area Central acolle estes xoves unha nova convocatoria da edición galega de Getting Contacts!

mércores, 29 de maio do 2013 Redacción

Area Central acolle este xoves por segunda vez o Getting Contacts Galicia, xuntanza organizada polo Concello de Santiago coa colaboración de AJE Galicia e o devandito complexo comercial compostelán. Esta xornada ten como obxectivo desenvolver contactos de negocio e xerar sinerxías entre empresas galegas, co fin de reforzar a competitividade e a innovación das que xa existen e impulsar a creación de iniciativas novas. A filosofía é seguir é favorecer un espazo para pór en contacto a empresarios, socios e provedores. Até o de agora, informa Area Central, inscribíronse xa máis de cen empresas galegas.
Trátase dunha xornada de alta efectividade, onde cada empresa poderá desenvolver, pola experiencia anterior, unha media de 15 entrevistas”, sinala a dirección de Area Central. As xuntanzas Getting Contacts!, moi ligadas ao networking, tamén se dirixen a atraer a empresarios doutras poboacións e abrir as portas a novos investimentos. A edición galega, neste senso, non vai ser unha excepción.
Segundo fan saber os organizadores, as razóns para participar en Getting Contacts! son: ter acceso a entrevistas de calidade con outras empresas e profesionais segundo os seus intereses, xerar novos contactos para ampliar o negocio (clientes, provedores, colaboradores, socios) e acadar máis promoción empresarial en tres niveis (empresas clientes e provedores, administración e asociacións).
Esta será a terceira edición que se celebra o evento en Santiago en apenas un ano. Na segunda edición de Getting Contacts!, que se celebrou tamén en Área Central o pasado mes de decembro, participaron representantes de 136 empresas.

PUBLICIDADE