Arcade convida aos profesionais galegos a introducirse na vangarda da seguridade TI

luns, 13 de xuño do 2016 Redacción

Este xoves 16 de xuño celébrase en Santiago, na Cidade da Cultura, un encontro profesional destinado a pór de relevo recursos e metodoloxías útiles para termos un marco de traballo en rede máis e mellor protexido. A xornada, organizada por Arcade Inforhouse, contará coa presenza de Inprosec, Kumobe, WatchGuard e BitDefender, cuxos profesionais exporán as súas solucións e recursos en seguridade TI e máis as posibilidades destes para as organizacións. Ademais, participará Lorenzo Martínez Rodríguez, enxeñeiro en Informática pola Universidade de Deusto, profesional de seguridade informática e co-fundador e editor do blog Security By Default.
Ademais, é responsábel técnico de desenvolvemento en Securízame. É membro de ANCITE (Asociación Nacional de Seguridade e Pericia Tecnolóxica) e ten experiencia como conferenciante e relator nunha manchea de congresos de seguridade estatais e internacionais. Lorenzo Martínez falará en Santiago de boas prácticas en espazos corporativos en materia de seguridade.
A cita será na Cidade da Cultura, no auditorio II do Edificio CINC. Arrincará ás 9.30 horas coa recepción e o café de benvida e seguirá, ás 10.00 horas, coa apertura a cargo de Vidal Díaz, director xeral de Arcade Inforhouse. Ás 10.15 será a quenda de Inprosec (avaliación seguridade global), ás 10.34 de Kumobe e ás 11.50 horas de WatchGuard (seguridade do posto de usuario). Ás 12.00, logo dunha pausa para o café, será o relatorio de BigDefender (seguridade do posto de usuario). Ás 12.30 horas intervirá Lorenzo Martínez Rodríguez, cunha charla a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: Boas prácticas de seguridade en contornas corporativas.

PUBLICIDADE