Aquén: novo servizo en liña para consultar e localizar todos os topónimos galegos

mércores, 3 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

A Rede segue a ofrecernos unha de cal e outra de area. Hai días en que semella que non é outra cousa máis ca unha máquina desbrozadora ó servizo das empresas do global e noutros case a vemos coma un bo xeito de preservar identidades e mesmo de darlles un aquel de aire e espazo para moverse. Este último é o prisma co que probablemente se ollou a Sociedade do Coñecemento para desenvolver e pór en marcha Aquén, servizo en liña que permite consultar e localizar os topónimos oficiais dos 37.297 lugares galegos, segundo informa Vieiros.
Detrás desta ferramenta está o Seminario de Lingüística da Universidade de Vigo, que semella que non quixo ficar á marxe das boas posibilidades de localización xeográfica que ofrece hoxe en día a Internet. Ou sexa: que o servizo non só achega información sobre o topónimo en cuestión, senón que (e esta é a chave) tamén indica o lugar exacto no que se acha, con axuda do Google Maps, situando o topónimo nun plano ou nas imaxes obtidas por satélite.
Ademais disto, Aquén tamén lles ofrece ós usuarios da Rede a posibilidade de visualizar os topónimos oficiais de Galiza (e o de “oficiais” vén a conto porque son os rexistrados de acordo coa lexislación vixente pola Comisión de Toponimia) en nubes de datos que poñen de relevo a frecuencia dos nomes de lugar. Segundo informa o Seminario, esta función foi posible reutilizando código aberto orixinal de Berto Yáñez. Neste senso, cómpre sinalar que as nubes de datos son, máis ca nunca, imaxes que falan por si soas. Información abreviada e compendiada até a pura imaxe. Ou sexa, que aplicando as nubes de datos ó eido dos topónimos (tal e como se fai en Aquén) teremos unha pantalla de Galiza onde o diferente tamaño da letra dos nomes de lugar tamén achega información clave. Deste xeito, canto máis grande sexa o nome dun topónimo, máis frecuente será este. E viceversa.

PUBLICIDADE