Apuntan a que os servizos de intelixencia dos EE UU tentaron penetrar nos aparellos de Apple

xoves, 12 de marzo do 2015 Fernando Sarasketa

Os documentos filtrados por Edward Snowden seguen a dar que falar. Desta volta, nun plano plenamente tecnolóxico. Segundo puidemos saber estes días, os novos achados relacionados cos ditos documentos confirman que o departamento de intelixencia de Estados Unidos, a CIA (Central Intelligence Agency), estivo durante anos tentando chegar ao miolo dos aparellos estrela de Apple, o iPhone e o iPad. Na información filtrada non se di que os servizos de intelixencia conseguisen chegar ao corazón da seguridade dos aparellos da multinacional, quebrándoa. O que si que se sabe é que as tentativas responden a unha “longa campaña contra a compañía”. En total, foron cinco anos de darse de fociños contra as pantallas de Apple. Disto, por certo, tampouco se libraron os Mac.
A información foi dada a coñecer por The Intercept, a raíz dunha nova volta sobre os documentos de Snowden. Nestes, ao parecer, alúdese a unha xuntanza secreta anual onde os membros dos servizos secretos de EE UU afondaban en novos xeitos de atopar eivas de seguridade nos dispositivos electrónicos do mercado, valorándose a posibilidade de tirar proveito desas eivas. O primeiro encontro remontaríase a 2006, previo á chegada do primeiro en iPhone, que estaría nas tendas o ano seguinte. En The Intercept apúntase a marzo de 2010 como o intre (o intre oficial) en que se comeza a falar expresamente dos dispositivos de Apple. A proba é unha presentación titulada Rocoto: Implanting the iPhone na que se amosan as tentativas de chegar ao miolo do iPhone 3G, entre outros aparellos.
Como dixemos, os documentos non confirman que a CIA lograse penetrar nos dispositivos de Apple, pero si que amosan unha estratexia estendida no tempo para facelo. Entre as técnicas que supostamente se empregaron salienta a busca de xeitos para entrar no firmware cifrado de Apple.
A pregunta que nos podemos facer é a seguinte: por que estas tentativas? Segundo se informa no devandito medio de comunicación, a CIA entendeu que unha versión modificada de Xcode posibilitaría sacar datos dos aparellos de Apple, permitindo tamén abrir portas e xanelas para asentar medidas de ciberespionaxe en calquera aplicación se desenvolvese coa devandita ferramenta mudada.

PUBLICIDADE