Apróbase o anteproxecto de reforma parcial da LPI

luns, 25 de marzo do 2013 Marcus Fernández

O Consello de Ministros aprobou o pasado venres o anteproxecto de reforma parcial da Lei de Propiedade Intelectual, mediante o que modifican o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual de 1996 (TRLPI) co que pretenden reformar os mecanismos de supervisión das entidades de xestión de dereitos de propiedade intelectual para dotalas dunha maior transparencia, mellorar a protección dos dereitos de propiedade intelectual fronte ás vulneracións que poidan sufrir no contorno dixital, revisar o concepto legal de copia privada e traspor a directiva europea que amplía os dereitos de autor de fonogramas de 50 a 70 anos.
Temos así unha actuación dirixida a corrixir as eivas da coñecida como Lei Sinde-Wert, que tras meses en vigor está a resultar irrelevante, de xeito que axústanse os procedementos da Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual (podendo actuar tamén en intermediarios de pagamento electrónico e publicidade, de xeito que as páxinas web que queiran eliminarse tecnicamente tamén poderán estrangularse economicamente), modifícase a Lei de Axuizamento Civil para facilitar a identificador de prestadores de servizo que poidan estar a facilitar o acceso a contidos protexidos (incluso indirectamente), fíxanse sancións por reincidencia de entre 30.000 e 300.000 euros e menciónase de xeito expreso ás páxinas web que faciliten ligazóns a contidos que vulneran a propiedade intelectual (matizando que non incluiría a buscadores web); cambios aos que se engade a revisión do concepto de copia privada, que limita a mesma a persoais físicas para uso privado, sen asistencia de terceiros, o que no contorno dixital actual supón practicamente a súa desaparición.
O ante proxecto está dispoñible para a súa consulta na páxina web do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e durante 20 días estará exposto publicamente, período no que tamén se consultará con outros organismos públicos o texto e, tras a recepción das achegas pertinentes, someterase ao ditame do Consello de Estado e volverá a ser informado o Consello de Ministros para que sexa transformado en Proxecto de Lei para o inicio da súa tramitación lexislativa.
O texto presentado está a ser moi mal recibido por moitos sectores, deixándose ver este rexeitamento dun xeito moi claro na Internet, onde numerosas páxinas web publican un manifesto no que piden a retirada do que chaman Lei Lassalle, instando a un diálogo equilibrado para negociar unha reforma real e en profundidade da Lei da Propiedade Intelectual.
Os cidadáns adscritos a este manifesto rexeitan a modificación do concepto de copia privada por considerar que supón unha desconexión total coa realidade, que incluso prexudica a creadores e artistas, que sen copia privada non poderían ter acadado relevancia. O texto exposto non só facía ilícitas as descargas de Internet, senón tamén copiar un orixinal emprestado por un amigo, algo que sempre foi totalmente legal.

PUBLICIDADE