Aproban en Francia a lei permite cortar o acceso á Rede aos usuarios que descarguen contidos protexidos

mércores, 13 de maio do 2009 Marcus Fernández

O Senado francés aprobou por 189 votos a favor e 14 en contra a polémica lei HADOPI, tamén coñecida como a dos tres avisos, que onte fora ratificada pola Asemblea Nacional, de xeito que remata unha longa traxectoria dun texto que permitiría o corte do acceso á Internet aos usuarios que compartan contidos protexidos por dereitos de autor.
Esta lei podería ser incompatible coa lexislación europea, e tamén podería atopar problemas polo recurso de inconstitucionalidade promovido polo partido da oposición. Resulta sumamente rechamante que se produza esta aprobación xusto unha semana despois de que o Parlamento Europeo determinase que só un xuíz poida cortar o acceso á Internet dun usuario, por considerar que a Rede supón un dereito fundamental, polo que un interese comercial non debería ter máis importancia para os lexisladores.
A aprobación da lei HADOPI suporía a creación dun sistema que ao detectar que un usuario descarga contidos protexidos da Rede remitiríalle unha primeira advertencia por correo electrónico advertíndoo da súa falta; de reincidir recibiría unha segunda mensaxe acompañada por unha carta certificada e, finalmente, ao continuar coas infraccións, unha comisión integrada por 3 xuíces podería ordenar o corte do seu acceso á Internet durante un período de entre 1 e 3 meses nos que deberá continuar a pagar a súa conexión (e non poderá esquivar a medida cambiando de provedor, pois os infractores da nova lei entrarán nunha listaxe negra).

Christine Albanel, ministra de Cultura, agarda que a lei HADOPI reduza as descargas

Agardan que este sistema entre en vigor a primeiros de 2010, aínda que na Internet non falta que considera que será totalmente inútil por diversos motivos:
- legalmente a lei podería lesionar dereitos fundamentais recoñecidos pola lexislación francesa e europea, que podería atentar ao principio de proporcionalidade e á separación de poderes (xa anunciaron que, de non ser rexeitada polo Consello Constitucional francés, deberá facer fronte aos tribunais europeos)
- tecnicamente sería moi complicada de levar a cabo, xa que existen múltiples técnicas para ocultar o tráfico de rede que pretenden perseguir, chegando en moitos casos con marcar unha casiña no apartado de opcións das aplicacións de intercambio de ficheiros
- a opinión pública oponse a esta medida, e incluso hai músicos que consideran que frear o P2P pode afectarlles negativamente, polo que as medidas que pretenden aplicar poderían ter consecuencias políticas
- o feito de que o presidente Sarkozy estea casado cunha cantante cando se promove unha lei tan proteccionista dos dereitos de autor (considerada a máis draconiana do mundo) tamén pode entenderse coma un escándalo
A ministra de Cultura francesa, Christine Albanel, sostén que nos países onde puxeron en marcha mecanismos de advertencia a piratería reduciuse ata un 65-70%, pero cómpre lembrar que nos EE.UU., onde emprenderon accións legais contra 36.000 usuarios, non se reduciron as descargas. Son así moitas as incógnitas deste modelo que pode dar lugar a múltiples conflitos (falsos positivos, responsabilidades compartidas, presunción de culpabilidade…).

PUBLICIDADE