Applus+ entrega este xoves en Santiago os seus premios á innovación empresarial

xoves, 23 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Hoxe xoves 23 a compañía Applus+ fará entrega en Santiago dos premios á excelencia empresarial que levan o seu nome e que recoñecen a competitividade e a innovación de firmas da Eurorrexión Atlántica (Galicia e Norte de Portugal). O acto, que se celebra no Hostal dos Reis Católicos a partir das 20.30 horas, iniciarase cun cóctel para logo dar paso á entrega de galardóns propiamente dita.
Os premios, que son de índole honorífica, divídense en dúas categorías: Gran Empresa e PEME. En edicións anteriores, fixéronse cos galardóns empresas como Gestamp Fábrica de Aveiro e Gaia Gestión Deportiva (2005) ou Repsol YPF A Coruña e Aludec Ibérica (2004). Cómpre sinalar que Applus+ é unha compañía do eido da certificación e os servizos tecnolóxicos e que conta na nosa terra con 694 empregados, repartidos entre as oficinas de Sada, Santiago, Lugo, Vigo e Velle.

PUBLICIDADE