Apple veta máis de 5.000 aplicacións eróticas da súa App Store

luns, 22 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

As políticas de aprobación de aplicacións para a súa publicación na App Store de Apple teñen provocado polémicas no pasado, pero nas últimas horas a cousa subiu un chanzo máis ao eliminarse do catálogo da tenda de aplicacións máis de 5.000 referencias que incumprían as novas normas relativas ao contido sexual, o que non tería que ser polémico se non fose porque Apple permitiu este tipo de contidos durante moitos meses, permite etiquetar as aplicacións por idades (para impedir o seu acceso a menores de idade se procedese) e aplicase discrecionalmente o seu veto, de xeito que, pese a eliminarse milleiros de aplicacións (algunhas practicamente descoñecidas) deixou algunhas tan rechamantes como as das revistas Playboy e FHM, ou a que recompila imaxes do especial de roupa de baño de Sports Illustrated.
O grande problema deste cambio de política por parte de Apple é que para iPhone e iPod Touch só existe unha tenda legal de aplicacións, de xeito que a prohibición de certas temáticas equivale a unha censura que provoca serios prexuízos económicos a compañías que levaban meses desenvolvendo aplicacións para os terminais de Apple, e que agora non terán retorno do seu investimento.
Dá a impresión de que este cambio de política da App Store realízase ante a inminente chegada ao mercado o iPad, produto ao que posiblemente queren evitarlle a sona de ser un trebello para consumir contidos eróticos.

Pese á eliminación masiva de aplicacións eróticas, líbranse da queima Sports Illustrated, FHM e Playboy.

PUBLICIDADE