Apple rexistra os mellores resultados económicos da súa historia

martes, 24 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Tim Cook recoñece que o iPad está a erosionar as vendas de ordenadores persoais

O beneficio neto de Apple no último trimestre de 2011 superou as expectativas, chegando aos 13.060 millóns de dólares, o que sería o mellor trimestre fiscal da historia da compañía, con máis de 37 millóns de iPhones vendidos (un 128% máis que o mesmo período do ano anterior), 15,4 millóns de iPads e 5,2 millóns de Macs, o que supón un crecemento nas principais liñas de produto da compañía (rexistrándose unha caída do 21% na venda de iPods), aínda que Tim Cook, sucesor de Steve Jobs, recoñeceu a existencia de certa canibalización dos seus ordenadores por parte do iPad, aínda que matizando que “hai unha maior canibalización de ordenadores con Windows polo iPad”.
Os resultados da compañía de Cupertino son realmente impresionantes, deixando na caixa da empresa 97.000 millóns de dólares en efectivo, constatando a fortaleza de negocios como a venda de aplicacións (que saltou dos dispositivos móbiles aos ordenadores nos últimos meses) e os contidos descargables (iTunes ingresou 1.700 millóns de dólares), as tendas oficiais de Apple gozan de boa saúde (melloraron os seus resultados un 43%) e incluso un produto cunha visibilidade tan reducida coma o Apple TV está a ter boas vendas (chegando aos 104 millóns de unidades, polo que non sería de sorprender que o vindeiro mercado no que Apple queira ter presenza sexa o dos televisores).

PUBLICIDADE