Apple reduce drasticamente a produción do iPhone 12 mini

mércores, 10 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Durante os últimos anos os móbiles incorporaron cada vez pantallas máis grandes, pero existía unha corrente de opinión que apuntaba á demanda de smartphones de grande potencia e tamaño contido, que podería ter provocado que ao ver a luz os novos iPhone 12, iPhone 12 Pro e iPhone 12 Pro Max con pantallas de 6,1 e 6,7 polgadas, estivesen acompañados por iPhone 12 mini con pantalla de 5,4 polgadas, pero a realidade está a demostrar que a demanda dos móbiles con pantallas pequenas non é tan elevada como se esperaba, e dende Nikkei apuntan a que Apple estaría a reducir a produción do iPhone 12 mini máis dun 70%.
Realmente Apple vai reducir a produción de todos os iPhone, xa que estiman que durante os vindeiros meses venderase menos que a finais de 2020 (na liña do que acontece case todos os anos), pero no caso do modelo pequeno demostrouse que as previsións foran demasiado optimistas e, mentres o iPhone 12 mini vendeu moito menos do previsto, o iPhone 12 está a ter boas vendas, o que parece responder principalmente ao feito de que o iPhone 12 mini ten unha batería demasiado cativa, de xeito que a súa autonomía non é dabondo para o usuario medio, afeito xa a non ter que cargar o móbil antes de rematar a xornada. En definitiva, que o iPhone 12 mini é só lixeiramente máis barato que o resto de móbiles de Apple, pero ofrece unha experiencia de uso moi inferior, polo que é un produto que non compensa agás que sexamos usuarios que valoremos enormemente as bondades dun terminal de dimensións reducidas.
Esta situación podería facer repensar a estratexia do iPhone en 3 tamaños distintos, xa que o mercado está a amosar unha vez máis a súa preferencia polas pantallas de grande tamaño e polas baterías xenerosas que permitan non ter que precuparse de se o móbil vai chegar até o remate do día.

PUBLICIDADE