Apple presentou as novas versións dos seus sistemas operativos

luns, 10 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Esta tarde botou a andar o WWDC 2013 en San Francisco, encontro que contou cunha importante keynote que pretendía servir de plataforma para dar a coñecer boa parte das novidades de de software Apple para os vindeiros meses, á vez que serviu para presentar a renovación do MacBook Air e o anuncio dun novo Mac Pro.
Tim Cook fixo acto de presenza para dar algúns datos sobre a compañía, destacando o rendible que sae para os desenvolvedores facer software para dispositivos móbiles de Apple e pasando logo a unha serie de anuncios de interese, como a vindeira actualización de OS X, que abandonará os como alcume o nome de felinos e coñecerase como OS X Mavericks na honra do Estado de California.
Entre as novas da vindeira versión de OS X está un Finder con pestanas, etiquetas no Finder e nos arquivos, mellor control multi-pantalla (agora cada monitor poderá funcionar con aplicacións a pantalla completa de xeito independente, corrixindo unha importante eiva de OS X), nova versión más social de Safari, un sistema de notificacións mellorado (podendo responderse as mesmas directamente), a chegada de aplicacións como iBooks e Maps ao Mac e a ferramenta iCloud Keychain (que facilita a xestión de contrasinais na web).
Pero as novidades de OS X non eran precisamente o máis agardado, senón iOS era a grande incógnita da xornada, pois agora que estaba entre as responsabilidades de Jonathan Ive, era de agardar un importante cambio na súa estética, o que comezará a producirse no iOS 7 que chegará no outono e que os desenvolvedores poden comezar a probar dende hoxe.
iOS 7 presenta un deseño renovado, pero mantendo moitos elementos para que non deixe de resultar familiar para os usuarios. Entre as funcionalidades que ten o novo sistema operativo móbil é un Centro de Control que axiliza o acceso ao modo avión, á activación da Wi-Fi, ao control do brillo, ao bloqueo da orientación ou mesmo ao flash da cámara (para empregalo como lanterna) o que era unha esixencia histórica por moitos usuarios (que conseguían funcionalidades semellantes recorrendo ao jailbreak); un Centro de Notificacións accesible incluso dende a pantalla de desbloqueo que amósanos información de interese (a axenda, mensaxes recibidas, notificacións de aplicacións...); un sistema máis intelixente de multi-tarefa; un control da cámara máis xestual (facilitando a toma de instantáneas, a creación de panorámicas ou a aplicación de filtros artísticos); unha galería fotográfica que incorpora coleccións, momentos e anos, para facilitar a exploración das imaxes; o uso de AirDrop para compartir fotografías, vídeos ou contactos (a través de Wi-Fi e Bluetooth); un navegador web Safari mellorado (a barra de enderezos unifícase coa barra de busca, estrea unha vista por lapelas, amosa as ligazóns que comparten os nosos amigos en Twitter e facilita crear listaxes de lectura); estrea o servizo iTunes Radio (servizo de música por streaming que polo momento só estará dispoñible nos EE.UU.); melloras en Siri; a posibilidade de buscar aplicacións da App Store segundo a nosa localización; melloras de seguridade no sistema Busca Mi iPhone (que precisa de usuario e contrasinal para a súa desconexión ou borrado, facendo que un móbil roubado continúe ligado á nosa persoa); e incluso melloras para a súa comunicación con algúns vehículos (principalmente de alta gama). Para poder empregar iOS 7 será preciso contar cun iPhone 4 ou superior, un iPad 2 ou posterior ou un iPod Touch, estando ausentes algunhas prestacións do novo sistema operativo nos dispositivos máis vellos (por exemplo, os filtros artísticos na cámara precisan dun iPhone 5 ou un iPod Touch de quinta xeración).
Podemos ver esta revisión de iOS como unha evolución cara a unha interface máis limpa e plana, cambio presente en numerosas aplicacións do sistema, que sen ter unhas funcionalidades diferentes, preséntanse dun xeito novo, máis minimalista, nunha liña estética que pode lembrar a Windows Phone, aínda que respectando as liñas básicas de iOS.

PUBLICIDADE