Apple presentará novos produtos o día 31

martes, 24 de outubro do 2023 Marcus Fernández

A pasada tarde a páxina web de Apple sorprendeu amosando unha animación co seu logotipo converténdose nunha cara que podiamos chegar a ver como algo sinistra para anunciar que o vindeiro día 30 ás cinco da tarde na costa oeste dos EE.UU. véspera da celebración do Halloween (aínda que en España xa cadraría á unha da madrugada do Samaín), van celebrar un evento baixo o lema Scary fast, dando a entender que van presentar produtos con novos procesador que meten medo pola súa velocidade.
O evento, ao que xa podemos subscribirnos en YouTube, podería servir para presentar novos iMac, que poderían actualizarse a procesadores M2 (pese a que a inminencia dos M3 podería dar a entender que saltarían unha xeración de procesadores Apple Silicon) e incluso estrear un modelo equipado cun procesador M2 Pro ou M2 Max (o que xustificaría o lema do evento). Tampouco pode desbotarse a presentación dos M3, pero semella moi cedo para facer tal xa que os M2 presentáronse en xaneiro.
Tamén podería ser posible que se presentase algún modelo de MacBook Pro e incluso de iPad, así que haberá que agardar ao día 31 para saber das novidades de Apple que chegarían a tempo para a campaña de Nadal.

PUBLICIDADE