Apple presentará novos produtos o vindeiro día 22

mércores, 16 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A prensa especializada comezou a recibir onte as invitacións para participar nun evento de Apple o vindeiro día 22, do que pouco se sabe agás o lema de “aínda temos moito que cubrir”, que agárdase que sexa o lanzamento da nova versión de OS X (acompañado por varios ordenadores novos, entre os que agárdase que estea o moi anticipado Mac Pro) e por unha agardada renovación da familia iPad (que podería contar cun iPad 5 e un iPad mini con pantalla Retina).
O evento terá lugar no Yerba Buena Center de San Francisco, e aínda non se confirmou se poderá seguirse a través de streaming (pois coa presentación dos novos iPhone non houbo sinal en tempo real, senón que houbo que agardar varias horas para poder ver o evento en diferido).
Sobre o iPad, rumoréase que estariamos ante unha actualización do tablet de Apple, mellorando o seu procesador, adaptando a súa aparencia externa ao resto da liña de produtos da compañía (o que suporía un marco menor) e a integración do sensor de pegadas dixitais Touch ID. Queda como principal incógnita se Apple decidirá dotalo do coprocesador M7 presente no iPhone 5S.
Nos equipos informáticos, espérase que, aparte de pórlle data de lanzamento ao Mac Pro, os MacBook Pro con pantalla Retina actualicen os seus procesadores, o que podería incrementar a súa autonomía considerablemente.
Tanto os MacBook Pro como os novos iPad poderían chegar ao mercado este mesmo mes, mentres que o Mac Pro sairía á venda a mediados do mes que vén se atendemos aos rumores dos que están a dar conta na web.

Axustes na produción dos novos iPhone


Pero estes días non se está a falar só desta presentación, senón que tamén se comenta moito o feito de que os novos iPhone, que chegarán a España o vindeiro día 25, non están a comportarse comercialmente como Apple prevía, o que estaría a forzar un axuste na súa produción. Aseguran que o iPhone 5S está a vender máis do dobre que o iPhone 5C, o que levaría a Apple a dar ordes aos fabricantes asiáticos a reducir o ritmo de fabricación do modelo máis económico e trasladar os esforzos ao iPhone 5S, o que non é precisamente unha mala nova para Apple (pois seguen a ter unhas vendas moi fortes do seu modelo máis caro, especialmente no seu modelo de cor ouro).
De todos os xeitos habería que destacar que estamos ante o lanzamento dos novos terminais, o que non tería por que ser a tendencia nos vindeiros meses, nos que é posible que o iPhone 5C remonte as vendas en boa medida porque a súa fabricación en policarbonato podería ter ampliado a súa marxe comercial, facilitando que algunhas compañías poidan achegalos aos seus clientes a uns prezos máis atractivos do que facían habitualmente do iPhone do ano anterior.

PUBLICIDADE