Apple podería cambiar de postura fronte ao Flash para evitar unha investigación anti-monopolio

martes, 4 de maio do 2010 Marcus Fernández

Steve Jobs leva moitos meses criticando a tecnoloxía Flash de Adobe, tanto para os escritorios informáticos como para dispositivos móbiles, cunhas declaracións que poderiamos considerar bastante atinadas, pero que agochaban moitos intereses comerciais, o que quedou patente non só polo feito de que a vindeira actualización do sistema operativo do iPhone non vaia incorporar compatibilidade con Adobe Flash (mentres que o novo Android acollerá esta tecnoloxía cos brazos abertos), senón tamén polo veto ao conversor de proxectos Flash a aplicacións nativas para iPhone por múltiples motivos dos que o máis importante sería que Apple quere controlar o desenvolvemento de aplicacións para o iPhone, evitando a aparición de capas intermedias que poidan provocar a perda da identidade dos dispositivos de Apple, pero segundo publica no Wall Street Journal, isto podería cambiar, posto que a Comisión Federal de Comercio e o Departamento de Xustiza norteamericanos poderían estar a emprender unha investigación anti-monopolio conxunta para analizar a política de Apple de cara aos seus competidores, o que levaría á compañía a mudar a súa relación con Adobe.
Anteriormente non resultaba razoable emprender iniciativas semellantes posto que o iPhone non podía considerarse un monopolio, pero actualmente é a plataforma móbil predominante nos EE.UU., de aí que non sería de sorprender que tanto as restricións impostas por Apple á publicación de contidos na App Store ou a nova plataforma publicitaria iAd pasea a estar no punto de mira dos reguladores estadounideses.

PUBLICIDADE