Apple ofrece smartphones reacondicionados na súa tenda en liña española

luns, 4 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A tenda en liña de Apple sorprendeu incorporando nas últimas horas na súa sección de reacondicionados varios iPhone, dende o iPhone até o iPhone X, sendo esta un dos mellores xeitos para conseguir un iPhone X, xa que este smartphone quedou fóra de catálogo ao saír os novos iPhone Xs e Xr.
Deste xeito é posible adquirir un iPhone X con 1 ano de garantía e 64 GB de almacenamento por 879 euros ou con 256 GB de almacenamento por 1.029 euros, prezo considerablemente inferior aos 1.159 e 1.329 euros que custarían modelos de iPhone Xs con esas capacidades, aínda que cómpre salientar que os iPhone Xr desas capacidades custarían 859 e 1.029 euros respectivamente, o que faría que a compra dun iPhone X restaurado só fose apetecible para alguén especialmente interesado en gozar da súa pantalla OLED e da dobre cámara traseira, deixando de lado o feito de que o iPhone Xr ten un procesador máis moderno e unha autonomía bastante mellor.
No que se refire a móbiles máis vellos, o máis básico que poderiamos atopar sería o iPhone 7 con 32 GB de capacidade a un prezo de 449 euros, o que podería ser unha interesante opción para quen quixerse entrar no mundo do iPhone sen realizar un investimento moi elevado nin recorrer ao mercado da segunda man.

PUBLICIDADE