Apple flexibiliza a súa política de aceptación de aplicacións para os seus dispositivos móbiles

xoves, 9 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Os desenvolvedores que queiran realizar aplicacións para terminais móbiles de Apple coma o iPod ou o iPad agradecerán que a compañía flexibilizase as súas directrices para a creación de aplicacións e as dotase de certa transparencia, de xeito que pretenden deixar de lado a sona de arbitrariedade que ten a política de aprobación de aplicacións por parte da empresa de Cupertino.
Unha das principais restricións que elimina Apple é a utilización de ferramentas de desenvolvemento de aplicacións para iOS, o que facilitará a creación de software para esta plataforma, pois abrirase a porta a múltiples asistentes para desenvolver dende aplicacións sinxelas ata videoxogos. Aínda que Apple continúa a estar contra a tecnoloxía Adobe Flash (existindo a posibilidade de que o empaquetador de Flash en aplicacións nativas para o iPhone sexa realidade no futuro), agora abre os seus dispositivos a moitas outras tecnoloxías que facilitan o desenvolvemento de aplicacións.
No tocante á transparencia no proceso de aprobación de aplicacións crean un App Review Board, ao que poderán presentarse alegacións tras o rexeitamento dunha aplicación, para que os programadores poidan defenderse ante posibles malentendidos ou simplemente para coñecer o porqué da decisión de Apple.

PUBLICIDADE