Apple facilitará que os consumidores arranxen os seus dispositivos

mércores, 17 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Tras un longo historial de limitacións para a reparación dos seus produtos fóra dos servizos técnicos oficiais Apple anuncia as reparacións de autoservizo, que permitirán aos clientes que se consideren capaces facer as súas propias reparacións, tendo acceso ás pezas e ferramentas que emprega Apple para poder reparar inicialmente os móbiles iPhone 12 e 13, e proximamente os ordenadores Mac con chips M1. Este tipo de reparacións chegarán inicialmente a consumidores de EE.UU. a primeiros do ano que vén, e ao longo do ano ampliarase a outros países.
A primeira fase deste programa centrarase nos módulos do iPhone reparados con maior frecuencia, como son a pantalla, a batería e a cámara, aínda que logo irán incorporándose ao programa outras reparacións. Dende a compañía da mazá tamén salientan que nos últimos 3 anos a compañía case multiplicou por dous o número de lugares nos que están accesibles reparacións con compoñentes oficiais.
As reparacións de autoservizo baséanse nun manual de reparación e nunha tenda en liña específica á que o usuario poderá pedir as pezas e ferramentas precisas para facer a substitución dos elementos avariados sen ter que recorrer a un servizo técnico. Tras a reparación os clientes que devolvan as pezas antigas para reciclar recibirán un desconto na súa seguinte compra.

PUBLICIDADE