Apple estrea aplicación independente para a xestión de podcasts en iOS

martes, 26 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O peso do iPod e o iPhone á hora de popularizar os podcasts é innegable (de aí o seu nome), pero esta experiencia estaba moi ligada ao uso da aplicación iTunes, principalmente no escritorio informático, o que non cadraba moi ben coas tendencias actuais, polo que dende Apple decidiron publicar hoxe unha aplicación chamada Podcasts para iPhone, iPod Touch e iPad que facilita o descubrimento, descarga e subscricións de milleiros podcasts de todo o mundo.
Aínda que a aplicación permite localizar podcasts polo seu nome ou explorando categorías, para facilitar a introdución a este tipo de contidos a nova aplicación conta cunha función chamada Principales emisoras cunha serie de podcasts destacados en grandes categorías, que son unha boa suxestión que chega ao usuario dun xeito máis visual que a través da exploración do Catálogo total de podcasts.
A aplicación Podcasts permite gozar dos podcasts de audio e vídeo nunha única aplicación, permite a subscrición para automatizar o proceso de descarga dos mesmos cada vez que estea dispoñible un novo episodio, permite reproducir os episodios en tempo real ou descargalos para acceder aos mesmos cando se estea fóra de liña e incluso conta con funcións avanzadas de reprodución que facilitan moverse dentro de cada episodio dun podcast de xeito preciso, compartilo a través de e-mail, Twitter ou mensaxes e mesmo programar un tempo de repouso para que a aplicación se deteña pasado certo número de minutos (ideal para escoitar podcasts na cama).

PUBLICIDADE