Apple comercializa libros narrados mediante síntese de voz

xoves, 5 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

De xeito discreto Apple está a integrar na súa tenda de libros electrónicos unha tecnoloxía de narración baseada en voces sintéticas, buscando así reducir a fenda entre os libros electrónicos e os audiolibros, de xeito que pequenos editores e autores independentes poden ofrecer a súa obra en formato sonoro, aparecendo a obra coa etiqueta de Narrado por Apple Books.
Este formato de audiolibro xerado automaticamente está a canalizarse actualmente a través de Draft2Digital e Ingram CoreSource, e actualmente limítase a textos en inglés. Para poder participar neste programa é preciso que o libro electrónico estea dispoñible en Apple Books, que o responsable da publicación teña os dereitos para poder producir o audiolibro e que a categoría do libro sexa romance ou ficción (o sistema de narración aínda non está adaptado para historias de misterio, thrillers e aventuras fantásticas ou de ciencia ficción).
A plataforma de Apple permite definir a portada, a descrición e a data de lanzamento dos audiolibros narrados por Apple Books, podendo elixirse tamén entre as distintas voces das que dispón a plataforma en función do xénero do libro (pois a narración é bastante diferente entre unha novela romántica e unha obra de non ficción).
Esta tecnoloxía está moi lonxe de competir coa narración humana, pero é unha solución moito máis accesible para publicacións modestas, quedando agora por ver como evoluciona nos distintos xéneros literarios e cos moitos idiomas e acentos que hai no mundo para que as narracións automáticas resulten agradables de escoitar.

PUBLICIDADE