Apple actualiza o seu sistema operativo

luns, 31 de agosto do 2009 Marcus Fernández

O pasado venres chegou ás tendas (incluíndo as de As Computer en Santiago e Vigo, e a de Play en A Coruña) a nova versión do sistema operativo de Apple, o Mac OS X 10.6, tamén coñecido coma Snow Leopard, e que supón unha actualización gráfica mínima á vez que unha profunda remodelación para adaptarse de cara ao futuro, pois incorpora unha arquitectura de 64 bits para aproveitar as prestacións dos últimos equipos da compañía da mazá, aínda que conservando a compatibilidade con arquitecturas de 32 bits (o modo de 64 bits virá activado por defecto nos novos equipos).
Tamén destaca o feito de que Snow Leopard ocupa en disco a metade que a versión anterior do Mac OS X, e é compatible con todos os equipos Apple con procesador Intel e un mínimo de 1 Gb de memoria RAM.
A aplicación que si tivo un cambio destacable no Mac OS foi o reprodutor multimedia Quicktime, que mellorou substancialmente en rendemento e interface de usuario. Tamén incorporouse compatibilidade coa plataforma de correo Exchange (o que agradecerán os usuarios corporativos), integrouse Exposé na barra de Dock e acelerouse considerablemente o funcionamento do Finder.

PUBLICIDADE