Apostan dende a Uvigo por mellorar o tráfico pola vía da comunicación smart entre vehículos

martes, 16 de febreiro do 2016

Dende a Universidade de Vigo chéganos unha proposta tecnolóxica directamente encamiñada a mellorar o fluxo de tráfico e facelo máis seguro. O proxecto vén da man do investigador Jack Fernando Bravo Torres e foi desenvolvido no Departamento de Enxeñaría Telemática (UVigo) baixo a dirección dos profesores Martín López e Yolanda Blanco. A orixe deste traballo está nunha investigación do propio Bravo Torres dirixida a optimizar as comunicacións en redes vehiculares, é dicir, as relativas a automóbiles que se desprazan polas estradas. O investigador, docente da Universidade Politécnica Salesiana do Ecuador, salienta do seu proxecto o seu carácter de achega de comunicación “alternativa”. De feito, os vehículos que participan da súa iniciativa non usarían redes de telefonía (celulares) nin satelitais. Con isto, minimizaríase en boa medida o custe de compartiren datos.
Bravo tamén destaca que as redes vehiculares –redes de conexión baseadas na comunicación directa entre vehículos– preséntanse como “servizos de comunicacións a un custo moito máis barato, pero a alta mobilidade e variabilidade do tráfico vehicular ten obstaculizado o desenvolvemento de novos servizos de comunicación máis aló do envío de mensaxes de seguridade entre os usuarios da rede”. O sistema que achega o investigador, porén, encamíñase a ceibar o camiño destes atrancos e optimizar as redes vehiculares a través de novos mecanismos baseados no desenvolvemento dos sistemas automáticos de transporte público e privado, os avances nos sistemas de información do tráfico en tempo real, así como as novas políticas de intercambio de información e transporte entre usuarios con destinos semellantes. “Con esta información”, explica, “o noso sistema planifica de antemán o despregue de servizos de comunicacións baseado no uso de nodos abstractos que se desprazan por rutas predeterminadas en función das condicións do tráfico vehicular agardado e a mobilidade dos usuarios da rede”. En consecuencia, os datos sobre servizos dispoñíbeis son cargados nos dispositivos de usuarios, “que ofrecerán estes servizos a cada un dos usuarios en función da súa localización e horario”.
Segundo explica a Universidade de Vigo, o traballo de Bravo amosa unha vantaxe prioritaria en relación ás redes celulares e por satélite: evita o uso destas redes para ofrecer servizos de comunicacións “con moito menor custe”. Desta maneira, a conexión establécese de maneira directa entre vehículos, sen que sexa necesaria unha infraestrutura fixa e axustándose a rede de xeito dinámico conforme aos vehículos dispoñíbeis.
Entre as aplicacións prácticas deste tipo de redes, o investigador sinala que dependendo das condicións do tráfico vehicular, poden variar entre chamadas e envío de mensaxes entre usuarios na rede; diseminación de información de tráfico en tempo real; transmisión de información de diagnose dos vehículos; acceso a Internet a través de puntos de acceso públicos, entre outros.

PUBLICIDADE