Apenas a terceira parte dos blogs electorais se manteñen tralos comicios

venres, 28 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A meirande parte dos blogs electorais están abandonados actualmente

Nas pasadas eleccións municipais moitos políticos se subiron á moda dos blogs abrindo a súa pouca bitácora coma un xeito de achegarse ós votantes, pero parece que tralos comicios se esqueceron dos cidadáns, pois a meirande parte dos blogs estreados na primeira metade do ano están desaparecidos ou abandonados.
Como mostra podemos ver un pequeno estudo elaborado por Javier Primo, no que toma como referencia 22 blogs seleccionados por Luis Tejero para ElMundo.es e comproba o seu estado actual, constatándose que só 7 están actualizados e 6 incluso están totalmente inoperativos, mentres que o resto están abandonados.
Pola contra, se revisamos a listaxe de páxinas persoais dos deputados no Congreso temos que, aínda que non tódolos políticos optase por ter un blog de seu, os que o fan os teñen actualizados (non sempre por eles mesmos).
Vemos así un paralelismo destacable entre os blogs dos políticos e os blogs electorais, non tendo moito sentido estes últimos e que poderían xogar moi en contra dos políticos que prometen atender ós cidadáns a través da Internet e logo esquecen a súa aposta pola Rede tralas eleccións.
Precisamente parece que en Galicia, onde ha varios políticos blogueiros, comezan a tomar consciencia deste tipo de repercusións a longo prazo e así, o propio vicepresidente da Xunta de Galicia pode servir coma exemplo, pois estreara blogue para as eleccións autonómicas de 2005 e non o retomou ata as municipais de 2007, o que pretende non repetir, de xeito que, aínda que as actualizacións non sexan frecuentes, cando menos ten unha entrada correspondente ó presente mes.

PUBLICIDADE