Anunciado o proxecto de robótica libre gañador da achega de material e asesoramento de GALPon

venres, 8 de novembro do 2013 Redacción

Finalmente xa temos proxecto recoñecido na convocatoria lanzada recentemente polo colectivo GALPon co obxectivo de mobilizar o enxeño da nosa mocidade en materia de robótica e automática empregando software e hardware libre. Pois ben, a asociación vén de dar a coñecer a iniciativa gañadora do certame, unha proposta que se verá beneficiada coa cesión do hardware libre preciso para o proxecto (neste caso en concreto 807,59 euros sen incluír o IVE) e con asesoramento técnico para un axeitado desenvolvemento na escolla do software a empregar e das licenzas a aplicar, na programación dos scripts, aplicativos ou programas necesarios.
A iniciativa en cuestión (a única que superou a fase administrativa) vén da man de Alberte Xosé (Tucho) Méndez López, en representación do CPI Alcalde Xosé Pichel de Traba (Santa María) en Coristanco.
Segundo informa GALPon e reflicte Mancomún, o proxecto presentado consta á súa vez de dous pequenos proxectos, a creación dunha estación meteorolóxica de centro empregando hardware libre e a creación dun robot móbil empregando Arduino e impresoras 3D. “En ámbolos dous casos documentarase todo o proceso de xeito que poida ser reproducido noutros centros”, engádese. O obxectivo é que estes dous proxectos permitan ao alumnado coñecer a forma de traballar con hardware e software libre de forma que vaian acadando os recursos precisos para entender as posibilidades que ofrecen e poder desde aí deseñar e levar a cabo os seus propios proxectos.

PUBLICIDADE