Anulan a sanción de 222.000 dólares por compartir 24 cancións a través de KaZaA

venres, 26 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Jammie Thomas saíndo do xulgado tralo xuízo que tivera lugar en 2007

En outubro do ano pasado un tribunal de Minnesotta condenou a Jammie Thomas a pagar 222.000 dólares por compartir 24 cancións a través da rede KaZaA, o que as entidades de xestión de dereitos de autor aplaudiron no seu momento, pero a loita xudicial está lonxe de rematar e un xuíz desbotou a sentenza anterior por considerar que o feito de compartir unha canción a través da Internet non constitúe en si mesmo unha infracción dos dereitos de reprodución das obras, pois é preciso que se demostren as transferencias dos temas musicais (e non só a súa posta a disposición doutros usuarios de redes P2P).
Lembremos que o veredicto anterior estimaba impuxo unha sanción de 9.250 dólares por canción compartida, pero esta multa tería que ser proporcional ao número de descargas dos temas, de terse producido algunha, o que a acusación (a RIAA, equivalente norteamericano á SGAE) non demostrou ata o momento.
Agora o xuízo terá que repetirse, e parece que concluirá coa absolución de Thomas, posto que demostrar as transferencias reais dende o equipo da acusada non parece que sexa tecnicamente posible, pois as descargas verificadas corresponderían ás dos propios investigadores da RIAA (e que non parece razoable que se poidan imputar á acusada, posto que se fixeron a instancias da propia industria discográfica).
Cómpre indicar que a sentenza do ano pasado parecía claramente desproporcionada, xa que as descargas a través de KaZaA realizadas por Jamie Thomas corresponderían a uns 3 discos compactos, polo que o dano para a industria apenas podería superar os 50 dólares, de aí que unha sanción de 222.000 dólares pareza algo surrealista. Tamén hai que lembrar que o caso de Thomas é só un dos máis de 30.000 que iniciaron contra usuarios de KaZaA, pero na súa meirande parte remataron en acordos extra-xudiciais que contaron con bastante publicidade (pois os acusados aceptaran compensar economicamente á RIAA) polo que esta sería a primeira ocasión na que se xulga seriamente a un usuario da rede P2P KaZaA nos EE.UU., dando a impresión de que os argumentos utilizados pola industria discográfica nos últimos anos non estaban debidamente fundamentados, e a campaña de acoso aos usuarios deste tipo de redes parece ser totalmente inútil (o fenómeno medrou enormemente co espallamento da banda larga nos fogares).

PUBLICIDADE