Antonio Rial ofrece este xoves unha conferencia sobre os riscos dun uso sen control das TRIC

mércores, 2 de novembro do 2022 S. P.


A Sede de Afundación (Abanca Obra Social) en Pontevedra acolle este xoves 3 de novembro, ás 19.00 horas, a conferencia de Antonio Rial Boubeta, Eramos poucos e chegaron as TRIC. Claves para educar na era dixital. A cita, que tamén se poderá seguir a través de Afundación TV, servirá para afondar no noso coñecemento sobre os riscos dun uso intensivo e sen supervisión da Internet, as redes sociais, os videoxogos ou os xogos en liña, ao tempo que se nos subministran recursos que aplicar para acadar navegacións seguras, produtivas e enriquecedoras. Por certo que as TRIC son, para quen non o saiba, as Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación.
Evento solidario
Este evento enmárcase no programa Cultura por alimentos, promovido por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Deste xeito, a Obra Social de Abanca, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, convidan a todas as persoas que asistan ao evento a que colaboren con esta campaña acudindo cunha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.
Un reto por conseguir
Segundo explica Afundación, “integrar a tecnoloxía no día a día da infancia e a adolescencia, dista moito de ser alcanzado, máis ben ao contrario, en ocasións, o uso das rebautizadas TRIC, implica unha seria peaxe a nivel emocional, de saúde e de convivencia”.
Tal e como veñen advertindo a OMS, a UNESCO ou UNICEF, un uso intensivo e sen supervisión da Internet, as redes sociais, os videoxogos ou o xogo en liña pode ter serias consecuencias a diferentes niveis, asociándose a maiores taxas de ansiedade e depresión, hábitos de vida menos saudábeis, máis acoso escolar e ciberacoso ou mesmo violencia filioparental. Afundación engade que “o uso da tecnoloxía non é inocuo na adolescencia, máis se cabe cando leva implícito novos patróns de interacción e novas formas de relacionarse, novos modelos aspiracionais e novas maneiras de entender a vida”.
Antonio Rial Boubeta
Nacido en Cangas do Morrazo en 1970, é doutor en Psicoloxía Social desde o ano 1998 e profesor titular da Universidade de Santiago desde 2003, director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e experto en metodoloxía de investigación en ciencias sociais e da saúde, autor de máis de 140 artigos en revistas científicas de impacto internacional, director de 20 teses doutorais e responsábel de numerosos proxectos de investigación do ámbito da adolescencia, desde o uso problemático da Internet, as redes sociais ou o ciberbullying, ao consumo de alcol e as novas adiccións. Amais, vén de dirixir un proxecto de investigación financiado polo Plan Nacional sobre Drogas para a detección e intervención precoz das adiccións con e sen substancia en pediatría e, paralelamente, o Estudo sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia, levado a cabo por UNICEF-España cunha mostra de máis de 50.000 estudantes de secundaria, que é, a día de hoxe, un dos traballos científicos de maior envergadura feitos en Europa sobre o tema. O pasado mes de abril foi galardoado coa Nécora de Ouro pola Fundación Galega contra ou Narcotráfico, polo seu labor e compromiso en favor da prevención das adiccións entre a mocidade.

PUBLICIDADE