Android Pay permitirá pagar con PayPal

mércores, 19 de abril do 2017 Marcus Fernández

Co lanzamento de Apple Pay e de Samsung Pay chegou un problema bastante importante que causa grande frustración para o usuario: pese a ter un móbil compatible cos sistemas de pagamento, é preciso un acordo entre a nosa entidade bancaria e o fabricante do móbil (Apple ou Samsung) para poder efectuar pagamentos dende o móbil. Temos así que Apple Pay en España practicamente está limitado a usaurios de tarxetas expedidas polo Banco Santander, mentres que Samsung Pay estaría dispoñible para clientes de Abanca e outras entidades de presenza bastante reducida, dando a impresión de que outros axentes non o ían ter doado para entrar no xogo, pero Google demostrou saber atopar a solución a esta problemática, e anunciou que a súa solución de pagamentos móbiles, Android Pay, funcionará en breve con PayPal, a plataforma líder para pagamentos en liña, que pode asociarse a tarxetas e contas bancarias, de xeito que practicamente calquera cidadán, con independencia do banco co que traballe, poderá empregar Android Pay.
Polo momento Google só confirmou a próxima dispoñibilidade do uso de Android Pay con contas de PayPal nos EE.UU., o que chegará a través das aplicacións móbiles de ambos servizos.

PUBLICIDADE