Android Pay entra en funcionamento nos EE.UU.

venres, 11 de setembro do 2015 Marcus Fernández

A implantación de Apple Pay nos EE.UU. levou a Google a retomar o seu interese polos sistemas de pagamentos en establecementos físicos baseados no smartphone, e esta mesma semana iniciou a posta en funcionamento de Android Pay, solución de pagamentos para smartphones con Android que pode empregarse xa en máis dun millón de puntos de venda ao longo de todos os EE.UU. e que, aparte de facilitar o pagamento, tamén almacena información de tarxetas de agasallo, tarxetas de fidelidade e ofertas especiais no teléfono de usuario, evitando así a molestia de ter que cargar con numerosas tarxetas na carteira.
Android Pay permite que todos os smartphones con Android 4.4 ou superior que teñan NFC poidan empregarse para realizar pagamentos baseados nas principais redes de tarxetas bancarias (Visa, MasterCard, American Express e Discover) e entre os establecementos que aceptan este sistema estarían marcas como Macy’s, Bloomingdales, ToysRus, Subway, Pepsi, Coca-Cola ou GameStop.
Esta tecnoloxía non só busca ser cómoda de empregar, senón que tamén aposta seriamente pola seguridade, para o que emprega un sistema de tokens para evitar que a información das tarxetas bancarias se transmita durante as múltiples operacións. Amais, os usuarios reciben notificacións de cada operación para a súa confirmación, polo que as actividades sospeitosas poderían localizarse rapidamente e, no caso do roubo ou perda do noso terminal móbil, tamén é posible acudir ao xestor de dispositivos Android para bloquear o terminal e incluso borrar a súa información persoal.
Este servizo aínda estaría a dar os seus primeiros pasos, polo que nos vindeiros meses incorporaría novas funcionalidades, sendo aínda unha incógnita cando comezaremos a gozar do mesmo en Europa, aínda que moitos confían na popularización dos pagamentos por NFC en Europa a partires de 2016.

PUBLICIDADE