Android 11 xa é oficial

martes, 8 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A nova grande versión de Android é oficial a partir de hoxe, de xeito que uns poucos dispositivo poden xa actualizar a Android 11, mentres que o resto de smartphones e tabletas deberán agardar a que os respectivos fabricantes adapten a nova versión do sistema operativo aos seus dispositivos para distribuír o novo Android como actualización.
Aínda que basicamente os móbiles Google Pixel son os que reciben hoxe Android 11, desta volta algún fabricante chinés tamén está a situarse na vangarda e, por exemplo, Xiaomi anuncia que os seus Mi 10 e Mi 10 Pro serán os primeiros dispositivos da súa marca en recibir Android 11 con MIUI 12 e Realme tamén está a ofrecer a actualización a un número limitado de usuarios do Realme X50 Pro, que recibirán unha versión preliminar de Android 11, deixando claro que cada vez é maior o compromiso da meirande parte dos fabricantes en ofrecer actualizacións dos seus dispositivos.
Entre as novidades de Android 11 podemos destacar melloras nas comunicacións, con burbullas de chat para aplicacións de mensaxería (xa non é algo exclusivo do Messenger de Facebook) e agrupación das notificacións de mensaxería; a gravación de pantalla chega por fin como prestacións de Android (cando hai anos que moitas capas de personalización a ofrecen); os nosos dispositivos conectados estarán accesibles con simplemente facer unha pulsación prolongada do botón de acendido; fai máis doado mudar de dispositivo de reprodución sen pausa; Android Auto funcionará sen fíos nos vehículos compatibles; melloran o controis de privacidade e seguridade; e facilitará a recepción de actualizacións de seguridade e privacidade a través de Google Play (en vez de ter que agardar a unha actualización de sistema do fabricante).

PUBLICIDADE