Andrés do Barro, nova incorporación ao Álbum de Galicia

mércores, 9 de xuño do 2021 S. P.

O Álbum de Galicia, a base de datos online do Consello da Cultura Galega na que se recolle a historia da nosa terra a través de biografías destacadas, vén este mes de xuño con novas incorporacións. Entre elas atópase a dun dos grandes representantes da música galega de todos os tempos: Andrés do Barro.
A entrada no Álbum comeza deste xeito: “Andrés do Barro é un dos grandes mitos da música galega”. A súa biografía foi escrita por Fernando Fernández Rego.
O gran legado do músico foi, en palabras do seu biógrafo, “un pop melancólico e atemporal con tinguiduras folk e unha importante dose de saudade”. Hoxe, segundo destaca o CCG, é reivindicado como unha referencia ineludíbel da música galega, enxalzándose tamén a súa modernidade e o seu labor pioneiro na fusión da música popular co pop.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

PUBLICIDADE