Andrea Cascallar Fuentes, Premio EUSFLAT 2022 á mellor tese de Europa polo seu traballo doutoral no CiTIUS

xoves, 14 de setembro do 2023 Redacción

A investigadora egresada do CiTIUS Andrea Cascallar Fuentes vén de ser distinguida co premio á mellor tese do ano a nivel europeo, que concede anualmente a Sociedade Europea de Lóxica Difusa e Tecnoloxía (EUSFLAT) e que avala o extraordinario labor da científica ao longo da súa etapa predoutoral, concluída en 2022 coa defensa pública do seu traballo.
Así mesmo, supón tamén un recoñecemento ao labor formativo do CiTIUS, que por segunda vez celebra a concesión deste galardón a un membro egresado (o Dr. Alejandro Ramos, codirector da tese de Andrea xunto co investigador do CiTIUS, Alberto Bugarín, recolleu o mesmo premio en Varsovia no ano 2016).
No seu traballo, Andrea Cascallar abordou o desafío científico de modelar a imprecisión na linguaxe, hibridando as Protoformas Cuantificadas Difusas coa Xeración de Linguaxe Natural (NLG), e máis concretamente, cos sistemas D2T ou Datos a texto. Un ámbito clave da Intelixencia artificial (IA) que facilita a comunicación entre humanos e máquinas, ao traducir a información contida nos datos (moitas veces, inintelixible), á linguaxe natural empregado polas persoas, que con moita frecuencia utiliza termos imprecisos.

Axuda lingüística, médica e ambiental

A tese produciu varios resultados de impacto: en primeiro lugar, cómpre salientar a autoría da biblioteca de realización lingüística SimpleNLG–GL, que facilita a xeración de textos en linguaxe natural en lingua galega. SimpleNLG-GL é unha adaptación da biblioteca orixinal SimpleNLG, desenvolvida en inglés, cuxa construción requiriu o deseño e implementación das regras morfosintácticas do galego. Así, esta achega ten un valor triplo: por unha banda, é unha contribución tanto á sociedade como á comunidade científica, xa que o seu uso é de acceso público; por outro, constitúe un avance tecnolóxico moi importante para o desenvolvemento do campo da Xeración da Linguaxe Natural en galego, xa que ata o momento non existía ningunha similar para este idioma.
Ademais, unha parte importante da tese dedicouse tamén a construír varios sistemas D2T de uso real, en dous dominios principais: por unha banda, a saúde cardiovascular, un campo ao que se achegaron descricións textuais sobre variables e datos de interese para facilitar o seguimento de pacientes por parte do persoal médico, como a presión arterial, a actividade física, ou o índice de masa corporal (IMC); o segundo dominio de aplicación son os sistemas de información ambiental, ámbito no que a tese deu como resultado o sistema ICA2Text para proporcionar información textual sobre o Índice de Calidade do Aire, un sistema que acabou despregado como un verdadeiro servizo público. Desde a súa implantación o 30 de setembro de 2022, ICA2Text facilitou información textual aos aproximadamente 30.000 visitantes da páxina web oficial da Rede Galega de Calidade do Aire.

Primeira en 12 anos

Andrea Cascallar convértese así na primeira muller nada en España en gañar o EUSFLAT Best PhD Thesis Award desde a súa primeira edición de en 2010, unha distinción que ata o de agora só recibiran outras tres mulleres en Europa. Con todo, a antiga doutoranda do CiTIUS amósase convencida de que a balanza de xénero irase equilibrando cada vez máis: «estou segura de que no futuro moitas outras mulleres serán galardoadas con este premio, porque afortunadamente parece que cada vez máis alumnas anímanse a realizar estudos tecnolóxicos». E conclúe enviando unha mensaxe ás estudantes máis novas: «a unha moza que estea agora no grao diríalle que, se ten curiosidade e inquietude por enfrontarse a novos retos útiles para a sociedade e mellorar a vida das persoas, a investigación pode ser unha opción moi interesante para ela. Non se trata só de desenvolver a parte tecnolóxica, senón de adquirir capacidades e traballar moitos aspectos diferentes… é unha experiencia moi gratificante».

PUBLICIDADE