Analistas advirten do perigo cada vez maior dunha burbulla tecnolóxica 2.0

xoves, 11 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

No sector das empresas vinculadas a Internet, o home do saco chámase “burbulla tecnolóxica”. Cada unha e á súa maneira, ten que loitar cada día contra a mesma ameaza: cando tocaremos teito? Perderá a xente a confianza nas redes de comunicación? Nin sequera os negocios da chamada Web 2.0, a que fai do cliente ou usuario dos servizos en liña participante activo da Internet, se libra do medo á crise.
Segundo apuntan webs como Baquia.com, existe hoxe en día un certo perigo de treboada na Rede, e os despidos masivos e as débedas que se van amoreando son claros indicios de que algo non vai ben na Web 2.0. Asemade, estes sinais comezan a botar cara a atrás a investidores de capital risco que ó longo do ano pasado se caracterizaron por choutar ó baleiro case sen rede.
Segundo sinalan Dow Jones VentureOne e máis Ernst&Young nos nove primeiros meses de 2006, investíronse nas empresas da nova orde de Internet uns 455 millóns de dólares, que representaría unha terceira parte de todo o destinado a iniciativas de capital risco nese mesmo prazo. Que significa todo isto?
Segundo os máis pesimistas, un claro caso de burbulla a piques de estoupar, xa que unha boa parte das redes sociais que se veñen de pór en marcha e tódolos novos servizos en liña non acaban de achegar beneficios reais ós investidores, que se enfrontan (iso si) a elevados prezos e grandes expectativas.
Por exemplo, de entre tódalas redes sociais que existen neste intre só unhas poucas (moi contadas) confesan ter xerado xa beneficios, e entre este grupo de privilexiadas está Ryze. Podemos ver algunhas opinións sobre a ameaza de nova burbulla reflectidas na web económica da Wharton School. Aínda así, todo hai que dicilo, hai voces para a esperanza, como a de Juan Soto, presidente de SIMO, no xornal El País.

PUBLICIDADE