Anagasti cualifica de “impresentable” á Familia Real no seu blog

xoves, 26 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

A polémica xerada polo secuestro xudicial do último número da revista El Jueves segue a dar que falar, sendo a blogosfera un interesante espazo de debate, tanto para os que concordan como para os que están en contra da medida. De entre estes últimos, que semellan os máis abondosos (e non é de estrañar que así sexa, sendo os blogs en certa medida un instrumento de liberdade de expresión), cómpre salientar estes días o do senador do PNV e secretario primeiro da Cámara alta, Iñaki Anasagasti. O motivo de tanta repercusión? Sobre todo, a contundencia das súas opinións respecto dos integrantes Familia Real, ós que non dubida en cualificar de “panda de vagos” e de “impresentables”.
Estas declaracións, que veñen a conto porque o dito secuestro xudicial ten a súa raizame nunha portada supostamente ofensiva ca os Príncipes de Asturias, complétanse cunha serie de “frechas” dirixidas á teima que parece ter a devandita Familia por facerse coa meirande cantidade de veleiros (xa van polo seu 14º “Bribón”, un dos cales incluímos na imaxe), sen que este feito desencadee o máis mínimo rexeitamento por parte da xustiza.

PUBLICIDADE