Ana Pontón estrea formato comunicativo nas redes sociais con Pili Pampín

venres, 15 de setembro do 2023 S. P.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, vén de anunciar que inaugura o seu formato de comunicación coa artista Pili Pampín. O dito programa, #CódigoAna, estará baseado nunha charla distendida con personalidades do todos os eidos a través das redes sociais, e coa vontade de ir alén do político e amosar a súa faceta máis humana e persoal a través de conversas con referentes do mundo da cultura, da ciencia, da economía, do audiovisual, do feminismo e de calquera temática que rodee á sociedade galega.
Indo ao programa en cuestión, dicir que bota a andar cunha entrevista a Pili Pampín, esta artista interxeracional, auténtica diva da música popular galega e que ao mesmo arrasa entre a xente nova, a través das súas colaboracións con músicos novos como Ortiga.
#CódigoAna trata temas que interesan e preocupan á cidadanía a través dos e das protagonistas que, nun cara a cara con Ana Pontón, contan a súa propia experiencia vital e profesional, coa que se poden sentir identificadas ou interpeladas outras moitas persoas.
Nesta primeira entrega, Pontón e Pampín abordan cuestións como o presente e o futuro da xente nova, a emigración ou a conexión que a artista conseguiu con públicos que non eran os habituais nas súas actuación musicais.
Para ver o avance desta primeira entrega como a súa posterior versión íntegra haberá que facer uso das redes sociais de #CódigoAna nas canles de Facebook, Instagram, X (antiga Twitter) e Youtube, e será emitido coa regularidade que permite a axenda política da líder do BNG.

PUBLICIDADE