Amplíase a rede de videovixilancia forestal con máis cámaras

xoves, 29 de decembro do 2022 Redacción

A Rede de Videovixilancia Forestal botou a andar en 2018.

A Xunta continúa ampliando e mellorando a capacidade da Rede de videovixilancia con máis cámaras, renovando dispositivos que incorporarán novas funcionalidades e implementando novas solucións para poder aplicar a intelixencia artificial á prevención de incendios. Son as medidas dunha nova addenda ao convenio entre a Consellería do Medio Rural e a AMTEGA e Retegal para incrementar a dotación orzamentaria destinada á Rede en 2,3 millóns de euros ata 2025.
O acordo permite así seguir incorporando novos centros e cámaras de altas prestacións á Rede, a cal estará integrada por ata un total de 76 centros de telecomunicacións e 153 cámaras cunha resolución que permite mesmo distinguir matrículas de vehículos nas pistas forestais.
Outra das medidas é a renovación das cámaras de videovixilancia instaladas na primeira e segunda fase do proxecto, que comezou en 2018, priorizando aqueles dispositivos instalados nos centros de telecomunicación situados nas cotas máis altas. Estas cámaras están expostas a continuos cambios de temperatura e condicións meteorolóxicas adversas que poderían acabar impactando no rendemento e operatividade do servizo.
As cámaras renovadas incorporarán novas funcionalidades, tales como maior sensibilidade, mellora no zoom óptico, novos algoritmos de compresión de vídeo, menor consumo eléctrico e carga aerodinámica, o cal permitirá mellorar as tarefas asociadas ao proceso de videovixilancia dos espazos forestais.
Ademais, grazas a esta addenda adquirirase un hardware e un software específico para facilitar un procesado das imaxes captadas pola rede necesario para aplicar técnicas de intelixencia artificial e poder realizar, a medio prazo, análises preditivas para a mellora do proceso de identificación e prevención de incendios.

Cámaras de altas prestacións

A Rede de videovixilancia dos espazos forestais entrou en funcionamento en 2018 como un instrumento de apoio ao labor de detección, prevención e seguimento de incendios. Para o seu despregamento aproveitáronse as infraestruturas do operador público Retegal, instalando en cada un dos 44 centros iniciais dúas cámaras de altas prestacións, con capacidade para operar baixo temperaturas extremas e resistentes a ventos furacanados.

Plataforma para unha xestión integral

A Rede xestiónase de xeito centralizado a través dunha plataforma tecnolóxica que posibilita a vixilancia remota dos montes desde os centros de coordinación (central, provincial e de distrito) as 24 horas do día e permite aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes, mesmo a través de dispositivos móbiles.
En caso de detectarse un lume o sistema achega información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permite xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a Rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para os labores de extinción. A Rede almacena 3.000 imaxes cada segundo, o que supón un total de 7.776 millóns de imaxes ao mes.

Investimento

Este convenio conta cun orzamento no período 2023-2025 de 2,3 millóns euros que financian a Consellería do Medio Rural e a Axencia autonómica, incrementando o investimento total na rede ata os 5.615.492,12 euros.
Estas actuacións están cofinanciadas nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 7,5 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 17,5 % pola Xunta de Galicia, no marco da submedida 8.3, Prevención do dano causado por incendios, desastres naturais e outras catástrofes.

PUBLICIDADE