Amosan en Vigo como podemos ampliar mercado no exterior empregando ferramentas TIC

xoves, 8 de xuño do 2017 Redacción

O Consorcio da Zona Franca de Vigo organizou onte un seminario centrado en mostrar ás PEME como poden lograr vendas internacionais a través de ferramentas dixitais, como por exemplo as plataformas de comercio electrónico e os mercados en liña (os chamados market places). No evento participaron expertos do tecido empresarial TIC galego, por exemplo de Boardfy (amosando como sacarlle punta ás posibilidades do comercio electrónico no ámbito internacional) e de The Fun Plan e Bluscus (fornecendo un percorrido polas súas experiencias de éxito na exportación a través de market places e ferramentas de venda dixital).
Tamén interveu na xornada o profesor Emilio G. Roselló, da Universidade de Vigo, quen falou sobre a importancia da mercadotecnia 4.0 na contorna actual de mercados externos, mentres que Begoña Albizu introduciu as principais ferramentas para facer seguimento das licitacións internacionais que se publican en diversas partes do mundo.
Como complemento ao seminario, o Consorcio puxo a disposición dos asistentes o Mapa de tecnoloxías para a internacionalización, unha guía-roteiro que recolle os principais mecanismos tecnolóxicos que as PEME poden empregar para detectar información relevante para o seu acceso a mercados exteriores e procesala de maneira que sexa útil aos obxectivos estratéxicos definidos antes, durante e despois do seu chimpo ao mercado internacional.
Este evento é o terceiro dun ciclo de catro seminarios divulgativos acerca do potencial das novas tecnoloxías no proceso de internacionalización das PEME que o Consorcio está a promover durante os meses de maio e xuño. Cada evento céntrase nunha do catro grandes fases dun proceso de internacionalización: o primeiro na identificación de mercados (celebrado en maio), o segundo na promoción internacional (en maio), o terceiro sobre vendas internacionais e o cuarto (o 29 de xuño) sobre xestión de operacións internacionais.
En cada seminario, sinala a Consorcio, recoñecidos expertos do tecido empresarial TIC de Galicia presentan de forma práctica as tecnoloxías de apoio existentes para a fase do proceso de internacionalización abordada. “Cada evento”, engade a organización dos mesmos, “conta asemade coa participación de empresas galegas que comparten cos asistentes a súa experiencia no uso destas tecnoloxías durante os seus respectivos procesos de procura de novos mercados”.
O cuarto e último seminario, que abordará a fase de xestión internacional, celebrarase na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra o vindeiro xoves 29 de xuño. As inscricións ao mesmo están abertas e poden tramitarse a través da web demolabs.czfv.es.

PUBLICIDADE