Amosan as novidades que incorporará no verán o Dashboard da Xbox 360

venres, 17 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Microsoft deu a coñecer os detalles do novo Dashboard da Xbox 360, que podería lanzarse a finais do verán, mellorando a experiencia de uso tanto da consola de Microsoft coma dos servizos dependentes de Xbox LIVE.
Parte das novidades van dirixidas ao servizo de vídeo Netflix (só dispoñible nos EE.UU.), pero tamén estrearase o Bazar de Avatares no que mercar nosa roupa e complementos para os personaxes que representan os usuarios; a comezos de agosto comezará a operar Games on Demand, de xeito que as compras de xogos descargables non se limitarán a títulos da Xbox orixinal ou a títulos arcade, podéndose mercar xogos completos de Xbox 360 mediante puntos, débito directo ou tarxeta de crédito, que poderán volver a descargarse en calquera momento, así como ver, descargar ou imprimir manuais dos xogos; os usuarios poderán puntuar os seus xogos favoritos; mellóranse os encontros de amigos a través de Xbox LIVE e optimízase o sistema de detección de modo de vídeo (para presentar a imaxe na maior resolución posible).
Tamén aparecen melloras como a posibilidade de que os usuarios veteranos poidan amosar o tempo que levan xogando, os Xogos da Comunidade pasan a chamarse Xogos Independentes, mellórase a navegación entre os logros (que tamén poden consultarse de xeito doado durante o xogo), permítese o seguimento de logros a través dunha nova vista, a listaxe de amigos poder ordenarse por nome, actividade e estado e na exploración da memoria os contidos marcan a súa data (realmente útil para identificar partidas gardadas).
Por desgraza, esta nova actualización aínda non inclúe as agardadas opcións de Facebook, Twitter, Last.fm e Zune vídeo a 1.080p.

PUBLICIDADE