Amosan a interface das aplicacións de rastrexo de contactos propostas por Google e Apple

luns, 4 de maio do 2020 Marcus Fernández

Como un xeito de pór freo ao espallamento da COVID-19 dende Apple e Google decidiron colaborar deseñando unha plataforma común integrada en iOS e Android para establecer un sistema de rastrexo de contactos baseado en Bluetooth que permitise a creación de aplicacións polos distintos sistemas sanitarios do mundo, e que no caso da detección dun caso positivo de coronavirus as persoas que estivesen preto delas durante un longo período de tempo nos últimos días recibisen unha alerta no móbil instándoos a facer a proba do coronavirus.
A tecnoloxía de rastrexo de contactos estaría integrada nos propios sistemas operativos móbiles, e determinaría a proximidade das persoas mediante Bluetooth de baixo consumo (ou sexa, que non localizaría á xente mediante GPS, buscando así manter un maior nivel de privacidade), os rexistros gardaríanse de xeito cifrado procurando protexer así os datos persoais dos usuarios e tamén contaría co compromiso dos fabricantes de eliminar esta funcionalidade en canto remita a crise sanitaria.
Nos últimos días esta tecnoloxía iniciou as súas probas, e xa está dispoñible o kit de desenvolvemento para Android e iOS que permitiría que este mes vesen a luz aplicacións de rastrexo de contactos en todo o mundo, estando acompañado o código de exemplo dos xigantes tecnolóxicos cunha proposta de interface que permite que saibamos como serán estas aplicacións cando vexan a luz. Enténdese que a diferencia que terán as aplicacións nos distintos países serán principalmente informativas, ou sexa, que no caso dun resultado positivo por coronavirus variarán principalmente nas instrucións que darán aos cidadáns sobre como actuar (números de atención telefónica aos que recorrer, centros sanitarios aos que acudir...).
Cómpre salientar que tanto Apple como Google non permitirán o uso indiscriminado desta tecnoloxía, senón que só aceptarán unha aplicación móbil por territorio, para evitar a fragmentación.

Así sería a aplicación en iOS

PUBLICIDADE