Amoeiro terá localizadas as súas vivendas con novas tecnoloxías

martes, 11 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

De sempre, unha das principais características dos nosos asentamentos demográficos foi a súa dispersión. Ou sexa, os galegos non somos moitos, pero estamos espallados por boa parte da nosa xeografía: presentes até no máis recóndito. Isto ten cousas boas e outras non tan boas. Entre os inconvenientes atópase por exemplo o de garantir ao cen por cen a calidade de certos servizos, por exemplo as comunicacións. Ou, tamén, o de poder facer rexistro exacto, xeograficamente falando, de predios e demais bens inmóbeis. Para pórlle remedio a este punto a nivel local, o Concello de Amoeiro botará man das novas tecnoloxías da información. O obxectivo? Superar as dificultades que achega o espallamento para localizar vivendas, así como “os riscos e incomodidades que diso se derivan”. Dito doutra maneira: o que busca o Concello é converterse nun municipio cen por cen localizábel.
Segundo indica o Goberno local acerca dos devanditos riscos e incomodidades, estes teñen que ver con cousas como por exemplo a indefensión da veciñanza ante emerxencias sanitarias, unha circunstancia que se agrava se temos en conta o alto índice de envellecemento de boa parte da poboación residente no rural. Tamén se pretende contar coa máxima información, accesíbel de maneira máis exacta e inmediata, para combater emerxencias perante lumes forestais ou roubos. A un nivel máis cotián, búscase contar cos recursos precisos para facilitar e axilizar o envío de bens (correo, paquetes) ou o transporte de persoas.
Para lograr isto concibiuse o Proxecto de Dixitalización e Xeolocalización do Concello de Amoeiro, que abrangue unha análise pormenorizada da distribución de vivendas e puntos de interese turístico e cultural no termo municipal ourensán e que dará lugar a unha cartografía dixital precisa coas correspondentes coordenadas no Sistema de Posicionamento Global mediante satélite (ou GPS na terminoloxía norteamericana: Global Positioning System).
Nunha segunda fase, o Concello dará forma a unha aplicación informática, unha app para móbiles iOS ou Android que se poderá descargar de balde da web municipal e que permitirá que os corpos de seguridade (policía, garda civil, etc.), de control de lumes (bombeiros, grumires, protección civil, etc), sanitarios (ambulancias, persoal médico, de enfermaría, etc.), así como de transporte público (autobuses, taxis), de envíos postais ou de paquetería (correos, comercio a distancia, etc.), de alimentación (supermercados ou tendas) ou mesmo turistas e amizades “poidan chegar de xeito áxil e fiábel ós seus destinos”, explican fontes do Goberno local, engadindo que o proxecto vai destinado a emendar eivas na numeración de vivendas, creando novos enderezos en determinados lugares, por exemplo na parroquia de Bóveda, onde aínda están sen diferenciar os diferentes núcleos. Tamén se fará fincapé en unificar cartografías de estatística, catastro, PXOM e do rueiro municipal, “dando lugar a numeracións que serán instaladas de balde en forma de placas asentadas nas fachadas de cada edificación”.
Os traballos comezaron o pasado 26 de xuño, precisamente en Bóveda, e proseguiron logo en Fontefría e Abruciños, para logo ir abranguendo todo o territorio municipal. As accións están a ser desenvolvidas por persoal da empresa Servicat, que é a adxudicataria do proxecto, o cal estará acompañado por concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno ou por representantes veciñais.

PUBLICIDADE