Amnesia 3.0 lanza o tráiler da súa segunda tempada, que presenta en Lugo o día 6 de maio

xoves, 28 de abril do 2022 S. P.

Amnesia 3.0, a serie interactiva galega sobre un mundo que esqueceu, escrita e dirixida por Irene Pin, vai estrear a súa segunda tempada no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo. A cita será o vindeiro 6 de maio ás 20.00 horas e contarase coa presenza da directora e o equipo desta produción. As entradas poden reservarse de balde escribindo un correo á conta vellocarcere@lugo.gal. Por certo que a segunda tempada desta innovadora serie (no contido e tamén, por suposto, nos formatos e feituras elixidas) xa ten tráiler de seu no Youtube. Como lembraremos, esta produción galega foi distinguida como mellor serie no Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay.
Amnesia 3.0 é un thriller de ciencia ficción sobre a premisa básica dun mundo no que a xente non recorda. “Se a primeira temporada nos introduciu nun universo distópico sen memoria, con todas as consecuencias, esta segunda achega pretende afondar nas dinámicas que levaron a esta situación”, sinala a directora, engadindo que se trata “dunha proposta para abandonar os límites do relato convencional”. Así, partindo de tres perspectivas, o público pode seguir a historia desde un ou outro itinerario, nos momentos en que as tramas se cruzan. As súas decisións non mudan a historia, pero si como a percibe.
Nesta nova entrega do distópico mundo que esqueceu, uniranse ás intérpretes da primeira, entre as que se atopaban caras coñecidas do panorama galego como Monti Castiñeiras ou Isabel Naveira, outras faces como Lidia Veiga, Melania Cruz, Xúlio Abonjo, Fran Lareu, Isabel Garrido e Mabel Rivera.
A segunda tempada consta de cinco capítulos interactivos producidos por Aqueladas coa axuda da AGADIC, a Deputación da Coruña e a Deputación de Lugo, quen organiza a estrea da segunda temporada tras levar a primeira por centros de ensino da provincia.

PUBLICIDADE