Amigus organiza un campamento tecnolóxico para a rapazada das Pontes

martes, 30 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O espírito creativo, argalleiro e maker non se vai de ferias este verán, de feito as vacacións estivais semellan un bo caldo de cultivo para crear novos enxeños e confraternidades arredor das tecnoloxías libres. Así o entenden pola banda das Pontes, onde a Asociación Amigus vén de convocar un campamento tecnolóxico en colaboración con Ciencia Kids.
Será unha experiencia para mergullar á rapazada nas vertentes máis enriquecedoras da ciencia e tecnoloxía, a desenvolver entre o 26 e o 30 de agosto no Pavillón Polideportivo Municipal de As Pontes en horario de 9:00 a 14:00. Está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, e ten un prezo de inscrición de 50 €.
O programa contará con obradoiros participativos e innovadores adaptados á devandita franxa de idade, todos eles co obxectivo de proporcionar ás mozas e mozos participantes unha base de pensamento lóxico dedutivo e espertar o seu interese pola investigación, “favorecendo así o desenvolvemento da nosa sociedade”, en palabras de Amigus. Tamén haberá actividades interactivas onde se farán experimentos científicos axustados en contidos que todos os participantes poderán levar a cabo e que terán a finalidade de fomentar “o traballo en equipo, a elaboración de hipóteses e a experimentación con materiais”, para despois desenvolver pensamentos que boten luz sobre o acontecido nas ditas actividades e así reflexionar sobre os resultados.

PUBLICIDADE